‘InnovaTE2: Dep. Dixital’, conectando Lugo a través das novas tecnoloxías

innovate2

Se chegaches ata aquí, seguramente te esteas preguntando: que é ‘Innovate2: Dep. Dixital’?

O programa ‘Innovate2: Dep. Dixital’ é, ante todo, a resposta a unha necesidade. A provincia de Lugo precisa dar un importante salto cualitativo no que a desenvolvemento tecnolóxico se refire. Os cidadáns coma ti precisan ter garantido o acceso á Sociedade da Información, así como dispor de ferramentas que permitan contactar e realizar trámites coa administración, sen esquecer a participación activa. Noutras palabras: consolidar os pasos que se deron nesa mesma dirección coa primeira parte do programa ‘Innovate’.

A creación de emprego e oportunidades económicas a través da diversificación produtiva e a mellora das infraestruturas e servizos locais, a promoción da conciliación familiar e a cohesión social e o aforro de custos para as administracións locais son só algúns dos beneficios que achegarán as iniciativas que broten deste plan.

Levar a cabo accións concretas e eficaces na procura dos obxectivos sinalados é a verdadeira razón de ser de ‘Innovate2: Dep. Dixital’, un proxecto xestionado pola Deputación Provincial de Lugo e cofinanciado por esta entidade a través das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para proxectos de desenvolvemento local e urbano.

Neste blog iremos dando conta de todas as actuacións relacionadas co programa, que xa está en marcha. Non nos perdas de vista: seguro que ti tamén podes tirar proveito dalgunha delas.